O libre marisqueo abrirá en outubro coa posibilidade dun peche adiantado

    AROUSA> Finalmente si haberá campaña de libre marisqueo. Así o acordaron os responsables das confrarías e da Consellería do Mar nunha reunión celebrada esta mañá en Carril tras analizar os informes técnicos sobre o estado do recurso. Aínda así, todo parece indicar que a campaña pechará antes do habitual. Os informes técnicos revelan a escaseza de marisco nos bancos de libre, tal e como temían as confrarías arousáns. Sen embargo, hai zonas nas que se constata unha leve recuperación como unha área dos Lombos onde fixou a ameixa babosa polo que determinaron abrir a campaña a principios de outubro, como estaba previsto. Os produtores faenarán en principio ata decembro. E en función dos resultados decidirán se pechar antes de tempo ou continuar ata marzo, como en anos anteriores. No caso de pechar prematuramente, a Consellería adiantou a posta en marcha de medidas compensatorias para os afectados. O sector está razoablemente satisfeito posto que a apertura do libre, complementada coa extracción de reló, permitirá ós produtores ir gañando un xornal diario. Sen embargo, seguirán a demandar medidas de maior calado para recuperar o libre marisqueo, a medio ou longo prazo. Non contemplan xa o dragado dos Lombos solicitado nun principio ante os informes técnicos desfavorables que desaconsellan esta actuación.