O BNG pide que se dote ó Cine Elma de equipos audiovisuais

    POBRA> O BNG da Pobra demanda a dotación dun equipamento de son e video para o Cine Elma, recentemente remodelado. O teatro non conta cos medios necesarios para acoller proxeccións audiovisuais. A agrupación nacionalista da Pobra levará a pleno a necesidade de dotar ó Cine Elma dos equipos necesarios para a proxección de películas e documentos audiovisuais. Consideran que a adquisición dunha pantalla, proxecto e equipo de son non suporía un investimento moi elevado e mesmo podería ser subvencionado por outras administracións. Apelan os nacionalistas á tradición da sala de cine que dende vello ocupou este edificio. Contar con proxeccións audiovisuais suporía ademais dunha oferta cultural económica e atractiva para tódolos públicos, especialmente a mocidade. Ademais da carencia dos equipos audiovisuais, os nacionalistas consideran que o a remodelación do emblemático inmoble presenta solucións arquitectónicas pouco funcionais, especialmente en materia de accesibilidade, a pesar de que se teñan investido ó redor dun millón de euros na súa rehabilitación.