RIBEIRA > O grupo municipal do PP de Ribeira vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno do próximo luns sobre a realización de melloras nos núcleos rurais. Os populares instan á Xunta de Galicia a proseguir coas actuacións respectando os convenios de cooperación adquiridos pola anterior administración.
A anulación do acordo suscrito entre o concello de Ribeira e a anterior Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural afecta ás obras de pavimentación de dezaseis camiños veciñais ubicados en distintas parroquias do concello.
Os populares consideran que se trata dunha acción pouco positiva no exercicio da democracia xa que vai en contra dun acordo acadado por todos, privando de servizos a moitos cidadáns e coartando o desenvolvemento económico no medio rural. Por este motivo, pretenden acadar o apoio do resto dos grupos da corporación municipal para instar á Consellería de Medio Rural a materializa-las actuacións que en moitos dos casos xa estaban en fase de contratación.
O investimento que estaba previsto realizar ascendía a máis de douscentos cincuenta mil euros e incluía as obras e pavimentación dos camiños de Bretal a Chans, de Fontenla, Agro da Area, de Ventín a Figueirido, do Brañal, de Chacín a Carolo, Camiño das Barrosas, de Xebre, da Ameixida ós Paramos, de Listres de Abaixo, de Carolo a Muíño Verde, de Cabasás, de Carballo a Sobrido, de Agra da Cuña, de Campelos a Olveira de Arriba e o camiño da Graña a Couso.
Coa presentación desta moción, os populares queren reiterar a importancia das obras para grarantir un nivel similar de servizos a tódolos veciños de Ribeira, esixindo a Aministración Autonómica que respecte os concellos establecidos antes da súa chegada ó goberno.
Redacción Barbanza