Limitacións ós locais da movida en Boiro

    BOIRO > O concello de Boiro está a estudar a posibilidade de implantar unha nova ordenanza urbanística que limite a concesión de licenzas para a apertura de locais de ocio en zonas onde abundan este tipo de establecementos. Con esta medida, o executivo pretende dar resposta ás continuas queixas dos veciños que teñen que soportar as molestias da movida nocturna cada fin de semana.

    A boiresa Praza da Mancomunidade atópase actualmente masificada no que se refire a establecementos hostaleiros nocturnos. Nesta zona de movida ubícanse decenas de bares e pubs cos consecuentes ruídos e molestias para os veciños do lugar.

    Ante as frecuentes queixas dos residentes da zona, o executivo local está a traballar na elaboración dunha ordenanza urbanística co obxectivo de reduci-la concesión de licencias de apertura de locais nos lugares masificados.

    Deste xeito, permitiráise a desconxestión de certas zonas do concello e os veciños verían atendidas as súas demandas.

    Así mesmo, o concello entende que a actividade nocturna e necesaria e deben existir este tipo de locais, sempre que se respecten os dereitos dos demáis cidadáns. Por este motivo, a nova ordenanza non implicará a denegación automática das licenzas senón a súa limitación nos espazos onde non sexa recomendable a instalación de novos establecementos.

    Redacción Barbanza