O clan Roma vai a xuízo e enfróntase a penas de 300 anos de cadea para os vinte acusados

PONTEVEDRA> Esta semana arranca na Audiencia Provincial de Pontevedra o macroxuízo contra o clan Roma. A partires do xoves ata 20 persoas sentarán na bancada acusados de pertencer a unha rede de narcotráfico que fora desarticulada en outubro de 2007. Entre eles está o presunto cabecilla: o arousán José Ramiro Vázquez Roma. Na súa fuxida das forzas de seguridade deixaron un regueiro de fardos de cocaína nas Rías Baixas. A Fiscalía pide penas que suman preto de 300 anos de prisión, e multas multimillonarias.

Durante practicamente todo o mes de outubro a Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o clan Roma. Vinte persoas sentarán na bancada dos acusados, sinaladas polo Ministerio Fiscal como membros dunha organización criminal que buscaba introducir e traficar en España con substancias estupefacientes, principalmente cocaína. Entre os acusados figura tamén o suposto cabecilla: o arousán José Ramiro Vázquez Roma.

O clan foi desarticulado en outubro do 2007. Na madrugada do 29 o Servizo de Vixilancia Aduaneira localizou dúas embarcacións semirríxidas cargadas de cocaína. Ao ser sorprendidas mudaron de rumbo: unha marchou cara a praia de Mourisca, en Bueu, mentres que a outra dirixiuse á Ría de Arousa. Durante a fuxida, foi deixando fardos de cocaína. Recuperáronse 18 con case 400 quilos de droga e un valor no mercado de 12 millóns de euros. Tras embarrancar en Porto Meloxo, os tripulantes déronse á fuga.

Na lancha da praia de Bueu incautáronse máis de 2.500 kg de cocaína cun prezo no mercado de 90,3 millóns de euros.

No seu escrito, o Ministerio Fiscal apunta que a suposta rede contaba cunha estrutura xerarquizada. En función da responsabilidade de cada membro, o fiscal determina penas entre os 5 e os 27 anos de prisión. 

A José Ramiro Vázquez Roma, suposto líder, a Fiscalía impútalle delitos contra a saúde pública, pertenza a unha organización criminal coa condición de xefe e branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas. Enfróntase a unha pena de 27 anos de prisión e tres multas por un total de 604 millóns de euros.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/28/xuizo_vazquez_roma.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/28/xuizo_vazquez_roma.mp4{/flowplayer}