PONTEVEDRA> Mañá, 9 de maio, celébrase o Día de Europa e a Deputación de Pontevedra quixo adiantarse a esta efeméride facendo balance dos fondos comunitarios captados por esta administración. Segundo o presidente provincial, están a impulsarse 26 proxectos cofinanciados polas institucións europeas que acadan os 43 millóns de euros mobilizados.
A Deputación de Pontevedra presume da súa capacidade para captar fondos europeos. A institución provincial está a impulsar 26 proxectos que mobilizan 43,7 millóns de euros, dos que máis de 32 millóns proceden de fondos comunitarios.
O destino destes fondos é variado. Dende a transición enerxética e a innovación ata o turismo sostible, a dixitalización ou a cooperación transfronteiriza. Son proxectos como +Renovables, +Aqua, a Liña Conecta Rural ou o proxecto +Rueiro.
Con este balance previo ao Día de Europa que se conmemora mañá, 9 de maio, a Deputación pon en valor a importancia destes fondos.
Dende a administración provincial sinalan a anticipación, a colaboración e a orientación a resultados como os piares deste modelo que permite transformar os recursos europeos en proxectos concretos.











