PONTEVEDRA> Hoxe chegou a Pontevedra o punto móbil de información para os refuxiados ucraínos. A Xunta de Galicia e Cruz Vermella colaboran para ofrecer este servizo, que xa percorreu varias cidades galegas, entre elas a de Vilagarcía. Dende o inicio da crise humanitaria no país pola invasión rusa, son máis de 2.000 as persoas desprazadas que xa regularizaron a súa situación en Galicia.
Dende que estalara a crise humanitaria pola invasión rusa en Ucraína xa son 2.323 os cidadáns deste país que regularizaron a súa situación en Galicia.
Para axudalos cos trámites e guialos neste proceso, a Xunta de Galicia e a Cruz Vermella colaboran para ter en marcha unha oficina móbil de información para refuxiados. Dende hoxe está en Pontevedra.
Case catro meses despois do inicio da invasión rusa, nesta oficina cada vez son máis os que se achegan cunha nova consulta: como xestionar a súa volta a Ucraína.
Esta oficina móbil xa percorreu varios puntos de Galicia, aqueles nos que hai máis persoas refuxiadas. O perfil está claro: a gran maioría son mulleres.
Unha das principais trabas que atopan para a súa integración é o idioma. Nesta oficina reciben a atención de Anastasia Levchenko, ucraína que leva dez anos en España.
O servizo estará dispoñible ao carón do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, na rúa Espincelo, entre as 9 da mañá e as 2 da tarde.