A corporación ribeirense aproba o inicio dos trámites dun novo polígono

    RIBEIRA> Con esta actuación, que estaría situada nunha zona forestal entre A Carballa e a estrada de Moldes, daríase resposta ás demandas do empresariado local. A pesar de que tódolos grupos da corporación comparten a necesidade de dotar de chan industrial a Ribeira, existen discrepancias en relación ó emprazamento proposto polo executivo. O grupo de goberno defende esta ubicación por ser a máis viable económica e tecnicamente á parte de ter menor impacto paisaxístico. A voceira de Iniciativa Progresista e a edil non adscrita apoiaron sen reservas esta proposta felicitándose porque, despois de tantos anos, Ribeira poida ampliar a súa superficie industrial. Do mesmo xeito os socialistas dan a benvida a unha actuación pola que levan anos agardando. Pola súa banda, Ciudadanos comparte tamén a necesidade desta actuación pero solicitou que o punto quedase sobre a mesa para estudar máis polo miúdo a viabilidade da proposta. Máis críticos son os nacionalistas que defenden outras alternativas como a ampliación de Xarás ou o macropolígono comarcal entre A Pobra e Ribeira. Funalmente a proposta saíu adiante con catorce votos a favor e sete, os que suman BNG e Ciudadanos, en contra. Precisamente dende a Asociación de Empresarios de Ribeira valorouse moi positivamente este acordo. O seu presidente, Antonio Miranda, quixo agradecer e felicitar no nome da entidade ós grupos municipais que respaldaron esta iniciativa, pola que levan moito tempo agardando. Dende a patronal ribeirense consideran que coa posta en marcha deste proxecto vaise zanxar unha débeda histórica co empresariado do municipio, que dende hai moito tempo viña incidindo na necesidade de crear máis chan industrial.