Os traballadores do hospital do Barbanza denuncian a redución de persoal

    RIBEIRA> O comité de empresa do hospital do Barbanza denuncia a redución de persoal en diferentes quendas realizada pola xerencia trala incorporación da categoría profesional de celadores. Para solicitar que se manteña o número de profesionais en tódolos turnos e servizos están a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas. A tan demandada incorporación de celadores ó hospital do Barbanza converteuse nun arma de dobre fío para os seus traballadores. Segundo denuncia o comité de empresa, tense reducido o número de profesionais na quenda de mañá xa que se incorporaron dous celadores en substitución de tres auxiliares de enfermería. Aínda que valoran positivamente que o centro conte, por fin, con celadores, consideran insuficiente a contratación de tan só catro profesionais. Este reducido número limita o seu labor a certos servizos, sempre nas quendas de día. Para denunciar a redución de persoal e demandar que se restitúa o mesmo número de traballadores por turno, o comité de empresa iniciou unha campaña de recollida de sinaturas na que xa levan conseguidas máis de duascentas. O seu obxectivo é reducir a sobrecarga de traballo que deben asumir os profesionais do hospital barbanzán, cunha plantilla por debaixo da media dos centros comarcais, e que acaba por repercutir na calidade asistencial.