O indicador de confianza empresarial continúa en valores negativos

    BARBANZA> A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a través da súa antena local de Boiro, vén de dar a coñecer o Indicador de Confianza Empresarial da comarca do Barbanza correspondente ó cuarto trimestre de 2013, no que se reflicte a situación do último trimestre e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e servizos. Esta nova publicación continúa amosando valores negativos, cunha confianza empresarial de –13 puntos, un resultado que descende bruscamente en relación á cifra acadada o pasado trimestre que era de – 4,29. A análise dos datos revela que continúa a tendencia negativa dos últimos exercicios que supón un efecto estancamento da economía local, sen observar ningún repunte da confianza empresarial en Barbanza. Nunha análise pormenorizada, o índice de situación ofrece un saldo negativo, con –18 puntos, o que confirma a tendencia marcada polas expectativas que sinalaban no anteroir informe as empresas enquisadas. Así, o índice de expectativas do empresario para o primeiro trimestre de 2014 desvela un carácter claramente negativo, con –8 puntos. Segundo o informe, o factor que máis limita a actividade empresarial é a debilidade da demanda para un 99,6% das empresas participantes na enquisa, aínda que algunhas empresas acompañan esta causa doutros factores. Os trámites administrativos e burocráticos ós que se ve sometida unha empresa son sinalados como factor limitativo por un 54,8% dos participantes, acompañados polo aumento da competencia, factor destacado para un 43,9% das empresas. Tódolos sectores obxecto de estudo están marcados por cifras negativas, seguindo a estela pesimista marcada de finais de ano. A construción non cambia a súa evolución e continúa en valores negativos. A pesar da crenza popular, nesta ocasión o sector coas opinións máis negativas é a hostalería e o turismo, cun índice de confianza de – 31,7 puntos, acompañado polo sector do comercio.