Ribeira deberá iniciar un novo concurso para o contrato do servizo de limpeza urbana

    RIBEIRA> O Tribunal Administrativo de Recursos Contratuais vén de ditar unha resolución que obriga ó equipo de goberno a ter que comezar un novo proceso de licitación do contrato de limpeza pública urbana, no que se inclúe tamén a recollida e o transporte de residuos sólidos urbanos e a xestión do punto limpo mediante concesión. O dito tribunal entende que o contrato tiña que ser tramitado, non como contrato de xestión de servizos públicos, senón coma contrato de servizos. Dende a asesoría xurídica municipal considérase que existen argumentos sólidos para recorrer ante os tribunais contencioso-administrativos, con moitas posibilidades ademais de que saia favorable. Aínda así, dende o goberno local non se contempla esta opción, optándose por dar comezo a unha nova licitación co fin de implementar canto antes as notables vantaxes derivadas das características do novo contrato. A nova xa lle foi trasladado polo propio alcalde, Manuel Ruíz, ós voceiros dos distintos grupos políticos con representación municipal.