A Garda Civil investiga o incendio dun vehículo da confraría de Cabo de Cruz

BOIRO> O suceso producíase esta pasada noite na praia da Retorta e todo apunta a unha posible sabotaxe por parte dos furtivos. Ó parecer os vixilantes da confraría de Cabo de Cruz atopábanse realizando labores de vixilancia a pé neste areal, cando escoitaron unha forte explosión e a continuación viron o seu vehículo completamente en chamas, alertando ós equipos de emerxencias, tanto Policía Local como bombeiros do parque comarcal de Boiro, que se desprazaron rapidamente ata o lugar para encargarse de sufocar as chamas. Segundo as primeiras investigacións, todo apunta a que puidera tratarse dunha sabotaxe. Un novo episodio das continuas disputas que nesta zona manteñen os pósitos cos furtivos, e que en Cabo de Cruz son aínda máis latentes, con numerosas denuncias de agresións e actos violentos. Dende a directiva do pósito crucense lamentaron unha vez máis este suceso, que ademais de danar a imaxe da propia confraría, causa un grave prexuízo para a entidade, xa que ás maltreitas arcas do pósito, haberá que sumarlle agora os gastos da reparación ou compra dun novo vehículo. A Garda Civil de Boiro encárgase agora das investigacións, coa finalidade de dar co posible autor ou autores dos feitos. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, valorou tamén este incidente. Segundo ela, máis que un acto delitivo, trátase dun acto terrorista, agardando a que o máximo rigor da lei, agora que o furtivismo está tipificado coma delito, caia sobre os causantes dos feitos.