Vázquez Roma confesa que organizou un alixo de tres toneladas de cocaína no 2007

PONTEVEDRA> O presunto líder do Clan Roma recoñeceu esta mañá que organizou o transporte de tres toneladas de cocaína hai oito anos. Na segunda sesión do macroxuízo pola Operación Piraña, José Ramiro Vázquez Roma asumiu as acusacións do Ministerio Fiscal e incriminou a gran parte do resto dos procesados ao describir a súa implicación. Tamén admitiu o delito de branqueo de capitais. As confesións abren a porta a un posible acordo coa Fiscalía para rebaixar a pena de 27 anos de prisión solicitada inicialmente.

 

José Ramiro Vázquez Roma confesou que organizou a entrada de tres toneladas de cocaína polas costas galegas hai oito anos. Despois de que a súa defensa non impugnara os pinchazos telefónicos, o presunto narcotraficante cambadés recoñeceu as conversas e explicou as claves que empregaban. Tamén inculpou a parte dos demais acusados neste macroxuízo pola Operación Piraña, indicando o seu grao de participación no alixo. 

Sobre as acusacións de branqueo de capitais, Vázquez Roma tamén recoñeceu que unha listaxe de propiedades foron adquiridas con cartos procedentes do narcotráfico. No seu relato, implicou os seus pais, a súa muller e a súa amante.

A parte de atender as preguntas do Fiscal, que o sinalou como xefe do entramado, o presunto capo arousán só respondeu ás preguntas da súa avogada. Intervención que aproveitou para expresar o seu arrepentimento.

Con esta confesión, o líder confeso do Clan Roma abre as portas a un posible acordo coa Fiscalía e á rebaixa das penas solicitadas. Recordemos que para Ramiro Vázquez o Ministerio Público solicitaba 27 anos de prisión e multas que suman máis de 600 millóns de euros.

Hoxe tamén declararon José Antonio Garre, sinalado pola Fiscalía e por Vázquez Roma como o intermediario que mantiña contactos cos exportadores da droga dende Sudamérica, e Jorge Lorenzo Santiago, xerente do estaleiro Viana Pesca e sinalado por construír e vender barcos para o tráfico de estupefacientes. Ambos negaron os feitos que se lles imputan.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/05/xuizo_operacion_pirana.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/05/xuizo_operacion_pirana.mp4{/flowplayer}