A Deputación aproba 2 millóns para bolsas de emprego

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra aprobou na xunta de goberno deste venres o Plan de Práctica Laboral. Máis de dous millóns de euros que se destinará a bolsas de emprego para que 200 titulados universitarios e de ciclos superiores de formación profesional teñan a súa primeira experiencia de traballo este ano. Cento sesenta e seis traballarán como bolseiros en concellos da provincia con menos de cincuenta e mil habitantes, e trinta e catro nos servizos da Deputación de Pontevedra. Segundo a presidenta da institución, Carmela Silva, en total a Deputación destinará no 2016 a fomento do emprego 15,3 millóns de euros; un 20,5 por cento máis que a anterior corporación; e ás 200 bolsas deste plan de emprego hai que sumar os 1.550 postos de traballo enmarcados no Plan Concellos e as bolsas para empresas da provincia que se aprobarán nos próximos días. Silva anunciou tamén esta mañá o lanzamento dunha campaña informativa para atraer empresas ó viveiro do polígono Barro Meis. Polo momento só recibiron unha solicitude para ocupar unha das 16 naves das que dispón. A infraestrutura ofrece tamén 24 oficinas e tres espazos coworking con capacidade para doce postos.