Pontevedra será máis Feroz: os premios amplían a súa programación previa, que comezará en setembro

TENERIFE> A delegación pontevedresa rematou hoxe o seu periplo por Tenerife para presentar os Premios Feroz 2026. Antes de regresar, esta mañá mantivo unha reunión coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España. No seu marco, acordaron que a programación previa á gala do 24 de xaneiro será máis ampla, comezando xa no mes de setembro. Tamén que a primeira actividade será un diálogo co segundo presentador ou presentadora que acompañará á artista Samantha Hudson na gala.

Pontevedra quere que os Feroz se deixen notar na cidade moito antes da gala do 24 de xaneiro de 2026. Xa o ano pasado, os premios chegaran acompañados dunha ampla programación previa que comezara no mes de outubro. Este ano arrancarán en setembro. Non se sabe a data pero si cal será a actividade.

Este foi un dos acordos acadados na reunión de traballo que hoxe mantiveron en Tenerife os representantes do concello de Pontevedra cos da Asociación de Informadores Cinematográficos de España. O obxectivo desta volta é superar a trintena de actividades previas.

E é que ambas partes coinciden no éxito da proposta do ano anterior e no bo sabor de boca que deixou entre os participantes. Todas as actividades encheron as prazas dispoñibles.

Tralo seu paso por Tenerife, onde ademais da data da gala do 24 de xaneiro desvelouse que a artista Samantha Hudson será unha das presentadoras dos premios, a delegación pontevedresa regresou hoxe á cidade.