O Parque Forestal de Combarro-Samieira porá en valor os montes de Poio

POIO> O concello de Poio presentou este mediodía o proxecto para o parque forestal de Combarro e Samieira. O espazo abrangue 198 hectáreas nos montes veciñais en Man Común de Rega dos Agros, Rega do Can e Arén.

O parque forestal de Combarro-Samieira comprende actuacións encamiñadas á recuperación e posta en valor dos montes da contorna.

En primeiro lugar, adecuarase o tramo do Camiño de Santiago que atravesa a zona, e completarase a sinalización e información.

O parque contará con rutas de sendeirismo sinalizadas nas que se instalarán paneis informativos nos puntos de interese patrimoniais, paisaxísticos e ambientais.  Catro pequenas sendas circulares conformarán unha ruta perimetral de 10 quilómetros, con entradas por Combarro e Arén.

Actuarase tamén nas estacións arqueolóxicas xa presentes no ámbito do parque. Instalaranse pasarelas arredor dos petróglifos para facilitar a súa visita sen danalos.

Os miradoiros existentes serán recuperados e crearase un novo observatorio da paisaxe no alto de Monte Redondo, que permitirá ó visitante coñecer a xeografía da contorna.

Tamén se mellorarán as franxas de protección contra os incendios mediante a plantación de especies frondosas e a roza e mantemento nunha distancia de 10 a 15 metros á beira das pistas principais, por onde discorrerán boa parte das rutas de sendeirismo. Plantaranse igualmente frondosas na Encanada do Xabarín, nunha superficie de 13 hectáreas.

Por último, recuperarase a área recreativa da Armadiña, que deixou de empregarse pola prohibición de realizar asados ó aire libre. A nova normativa da Consellería de Medio Rural permite a utilización de asadeiros cunhas determinadas normas, polo que se rehabilitará o espazo.

O proxecto conta cun orzamento total de 320.000 euros, que se investirán en 4 anualidades. As intervencións poderían comezar no verán do 2019.