A licitación da Escola de Música de Boiro demorou o inicio do curso

    BOIRO> O proceso de licitación da escola de música de Boiro demorou o inicio das clases, o que provocou as queixas dos pais dos alumnos. Dende o concello aclararon que xa finalizou o procedemento de adxudicación polo que a empresa responsable, Sonaxe, retomará a actividade canto antes. A demora no comezo do curso da escola de música de Boiro motivou que un grupo de pais presentara un escrito no concello, avalado por preto dun cento de sinaturas, solicitando o inicio das clases. Dende o concello aclararon que esta tardanza veu motivada polo proceso de licitación deste servizo que, ata o de agora, non saíra a concurso tal e como obriga a lei. Unha vez rematado o proceso e finalizados tódolos prazos, a empresa adxudicataria, Sonaxe, poderá retomar a actividade con normalidade. Dado que a empresa adxudicataria é a que xa viña prestando o servizo, prevese que as clases dean comezo nos próximos días.