Pita abstense na votación e non desbota postularse a presidente da Mancomunidade

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/16/votacion_mancomunidade.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/16/votacion_mancomunidade.mp4{/flowplayer}

 

SALNÉS> Un xiro de última hora bloqueou o relevo na Mancomunidade do Salnés. Aínda que se daba por feito que o apoio de PSOE, BNG e Independentes sentaría a José Antonio Cacabelos á fronte do órgano, ao entrar no salón de ExpoSalnés o alcalde de O Grove sabía que non contaría cos 14 votos necesarios. Pouco antes o rexedor de Sanxenxo comunicáballe o seu cambio de postura e a intención de renegociar un pacto que o deixaría como vicepresidente. Tanto Gonzalo Pita como o alcalde de Ribadumia optaron, finalmente, pola abstención.

Doce votos para o PP, doce para o PSOE , tres abstencións dos independentes e a Mancomunidade sen novo presidente. Antes do arranque do pleno, todo apuntaba a que José Antonio Cacabelos, alcalde de O Grove, sairía como presidente do órgano. Ata que o rexedor de Sanxenxo, independente, mudou de postura e optou pola abstención. Un camiño que seguiu o seu homólogo de Ribadumia.

O martes, Cacabelos daba por feito o pacto: os votos de PSOE, BNG, Somos Cambados e dos alcaldes de Ribadumia e Sanxenxo valeríanlle a presidencia. 

Agora, Gonzalo Pita opta por seguir negociando para dar a Sanxenxo o peso que merece. Porén, Cacabelos non ve con bos ollos renegociar un pacto xa feito. Tampouco cre que a presidencia poida ser unha moeda de cambio.

O rexedor meco tampouco valora a opción de pactar co Partido Popular que, asegura, nunca lle propuxo ningún acordo. Gonzalo Durán insistiu en tender a man a socialistas e independentes, incluso coa presidencia sobre a mesa, e sinalou á esquerda como única culpable do sucedido.

O resultado de onte mantén a Durán como presidente en funcións da Mancomunidade. Sen data nin previsións para a convocatoria do vindeiro pleno, o alcalde de Vilanova xa anunciou que convocará aos seus homólogos para comezar a redactar os orzamentos do vindeiro ano.