Sáez de Buruaga suma a súa árbore ó Parque da Comunicación

    BOIRO> O parque da Comunicación de Boiro segue medrando. O xornalista Ernesto Sáez de Buruaga plantou unha árbore seguindo a estela dos grandes comunicadores que xa forman parte deste espazo. Non hai máis que pasarse polo parque da comunicación de Boiro para comprender o gran labor que vén desenvolvendo o Club Expopress de Xornalistas de Galicia. Baixo a batuta do seu presidente, Jesús Souto, xa desfilaron polo Barbanza as máis destacadas figuras da comunicación do noso país. Este venres tocoulle a quenda a Ernesto Sáez de Buruaga quen plantou un loureiro ó lado das árbores sementadas no seu día por compañeiros como Luís del Olmo, Victoria Prego ou Matías Pratas. Precisamente ó aprendido deles ó longo da súa carreira profesional fixo referencia na súa intervención. O presidente do Club Expopress quixo agradecer a Sáez de Buruaga a súa presenza neste acto, para o que tivo que axustar a súa axenda. Suso Souto destacou a humildade deste xesto, recollendo un recoñecemento menor fronte á dilatada lista de premios con que conta este recoñecido xornalista. O alcalde de Boiro agradeceu tamén a visita deste referente xornalístico do que destacou o seu rigor e moderación no desempeño da súa profesión, en tempos nos que non sempre é doado manter a compostura.