A Xunta non cre viable o incremento da edificabilidade en Cabo de Cruz

    BOIRO > Unha delegación do concello de Boiro encabezada polo alcalde, Xosé Deira, reuniuse co director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, para tratar a posible modificación puntual do Plan Parcial de Cabo de Cruz. O representante autonómico explicou que, segundo os criterios da Lei do Solo de Galicia, sería moi difícil incrementar a edificabilidade deste plan fixada nun 0´5 por cento.

    Á xuntanza acudiron, ademais do alcalde e o concelleiro de Urbanismo, Xoán León, varios propietarios afectados por este plan que querían amosar ó director xeral o seu malestar pola edificabilidade do 0’5 por cento contemplada no proxecto.

    O responsable da Dirección Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje Espina, explicou ós veciños que, aínda que sería posible revisar o proxecto de cara a unha modificación puntual do mesmo, non hai moitas posibilidades de que se poida aumenta-la edificabilidade do. Así mesmo, a revisión tería que estar xustificada con motivos de interese xeral.

    Ramón Lueje informou tamén da boa labor levada a cabo polo concello na elaboración deste plan seguindo as pautas que marca o Plan Xeral.

    Dende o concello seguiranse a manter contactos con diversas administracións co fin de introducir melloras de cara ós afectados como son a redución dos custos de urbanización ou a realización dos pagos de xeito escalonado.

    Sen embargo, os veciños non quedaron satisfeitos trala reunión xa que non entenden que teñan que pagar a apertura de rúas ou a rede de sumidoiros. Neste sentido, consideran que o plan non irá adiante xa que conta coa oposición da maior parte dos propietarios.

    Redacción Barbanza