Rianxo destina 2,6 millóns ó saneamento de Isorna

    saneamentoisorna_100.jpgRIANXO> O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, informou esta mañá do inicio das obras de saneamento e abastecemento de auga para varios núcleos da parroquia de Isorna.

    A actuación, cun presuposto superior ós 2’6 millóns de euros, dará servizo a uns 729 veciños. Operarios da empresa COPASA, adxudicataria das obras, iniciaron onte os traballos para dotar de rede de saneamento e abastecemento de auga a varios núcleos da parroquia de Isorna, concretamente a Isorna, Quintáns, Sestelo, a Vacariza e o Regueiro.

    A actuación prevé a recollida de augas residuais destas aldeas mediante unha rede de colectores de dez quilómetros de lonxitude, aproximadamente, e a instalación de sete estacións de bombeo. A obra prevé ademais a construción dunha nova estación depuradora que se levantará nunha parcela municipal ubicada entre os lugares de Quintáns e o Regueiro.

    Segundo indicou o propio alcalde, a actuación permitirá rematar practicamente o saneamento e o abastecemento de auga nesta parroquia, quedando unicamente algunhas vivendas ailladas destes núcleos pendentes de dotalas destes dous servizos.

    O rexedor rianxeiro amosou ademais a súa satisfacción pola consecución desta importante obra, que xunto coa que se está a levar a cabo na parroquia de Leiro, supera os máis de cinco millóns de euros de investimento. Con elas séguese na procura do ansiado saneamento integral do concello.

    Redacción Barbanza