O PP acusa ó bipartito de discriminar ós concellos en función da súa cor política

    RIBEIRA > Esta fin de semana numerosos representantes do PP mantiveron un encontro en Ribeira no transcurso do cal analizaron a política do executivo autonómico nos tres meses do goberno bipartito na Xunta de Galicia. O balance foi altamente negativo, acusando á Administración de favoritismos e discriminación dos concellos en función da súa cor política. Nesta liña, pediron sensatez ó goberno para non anular obras xa licitadas ou cancelar convenios que favorecen ós núcleos rurais.

    Un importante número de representantes do PP de toda a comarca do Barbanza déronse cita en Ribeira para someter a debate os primeiros cen días do goberno do PSOE e o BNG ó fronte da Xunta de Galicia. As conclusións acadadas non deixan moi ben parado ó bipartito ó que acusan de favoritismo e falla de coherencia na súa política de obras.

    Segundo os populares barbanzáns, a Xunta está a cometer un grave erro coa anulación de obras moi importantes para a comarca por razóns exclusivamente partidistas como no caso da Vía Rápida do Barbanza ou a variante de Noia. Así mesmo, os membros do PP amosan o seu total desacordo coa anulación de máis de 245 convenios rurais en douscentos concellos galegos que supoñían actuacións de grande interese público.

    Nesta mesma liña, o voceiro do PP de Boiro Xoán Xosé Dieste, fixo referencia á falla de solidariedade dos gobernos central e autonómico que están a discriminar a  certos concellos por razóns políticas sen ter en conta ós seus cidadáns. 

    Durante a xuntanza dos populares, o deputado autonómico Manuel Ruíz, referiuse ás mentiras contadas polo bipartito durante os cen días de goberno sinalando a falla de paridade no goberno e as acusacións constantes formuladas de cara ó PP. Ruíz abogou por unha polítca de futuro que deixe de mirar cara atrás co único obxectivo da crítica. 

    Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, animou ós asistentes a seguir traballando no camiño de recupera-lo goberno nas diferentes administracións de cara a vindeiras eleccións.

    Redacción Barbanza