A Xunta volve obviar a autovía Vilagarcía-Pontevedra nas contas para 2016

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/21/orzamentos_xunta_pp.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/21/orzamentos_xunta_pp.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> A Xunta deixa de lado as grandes infraestruturas en O Salnés. Nos orzamentos para o 2016, a comarca recibe máis de 16 millóns de euros. A maior partida, 4,3 millóns de euros, é a que recibirá o hospital comarcal para continuar coa súa ampliación. A autovía Vilagarcía-Pontevedra segue sen aparecer nas contas autonómicas, aínda que a deputada Marta Rodríguez asegurou que a Xunta non esquece a obra.

O Salnés recibirá algo máis de 16 millóns de euros da Xunta no 2016. O goberno autonómico non se compromete con novas infraestruturas de gran relevancia. Unha vez máis, as contas obvian a autovía Vilagarcía-Pontevedra.

A partida máis grande, que supera a cuarta parte do total, é a de 4,3 millóns de euros para continuar coa ampliación do Hospital do Salnés. Os orzamentos confirman que A Illa de Arousa terá que agardar polo novo centro de saúde, e destinan 100 mil euros para arranxos no actual.

Chama a atención a partida de 40 mil euros que se destina á construción do novo colexio en Vilalonga. Algo que dende o concello de Sanxenxo xa cualificaron como “unha burla”. Tampouco consignan cartos para o pavillón de Rubiáns. Mellor sorte corre o instituto cambadés Francisco Asorey: os orzamentos deixan case 260 mil euros para a súa ampliación.

Nas contas de 2016 tampouco se consignan cartos para o saneamento da ría. Segundo Marta Rodríguez, a Xunta está a traballar neste proxecto.

Do outro lado da ría, o Barbanza recibirá 6,7 millóns de euros, que se destinarán na súa maioría a saneamento e a portos. En sanidade, tamén quedan dúas demandas sen resposta: a ampliación do hospital comarcal e o novo centro de saúde de A Pobra.