Rodas demanda un cambio no modelo de reparto das cotas pesqueiras

    PORTO DO SON> O deputado do BNG, Daniel Rodas, reclámalle a consellería do Mar que exerza dunha vez por todas como goberno e solicite, tanto a Madrid coma a Bruselas, un novo modelo pesqueiro coa finalidade de manter a actividade e os postos de traballo. O nacionalista fai así alusión directa á situación que viven as diferentes flotas pesqueiras, en especial a do cerco, actualmente en paro polo actual modelo de reparto. Para o BNG, resulta unha evidencia o fracaso da aplicación do actual reparto individual no que se lle dá un excesivo peso os supostos dereitos históricos. Un modelo que segundo o nacionalista Daniel Rodas beneficia a quen mais pesca e vai en detrimento da flota galega que é a que menos capturas ten, cunha redución a catro días de actividade, e é ademais a que ten os barcos máis pequenos, a pesar de ser a de maior número de barcos e a que máis postos de traballo conta. Segundo Rodas a paralización da actividade, por parte do cerco, escenifica o drama que están a vivir as diferentes flotas fartas de ter que comulgar con unhas cotas irreais que non lles permite sobrevivir sendo sometidos a unhas medidas de control desproporcionadas por non axustarse a realidade. Para o BNG esta situación está a provocar que o sector se sinta perseguido. P ero tamén evidencia de que o Goberno Galego non fixo nada nestes últimos anos para buscar unha solución a esta situación. Por esta razón Daniel Rodas reclámalle a consellería do Mar que exerza dunha vez por todas como goberno e solicite, tanto a Madrid coma a Bruselas, un novo modelo pesqueiro coa finalidade de manter a actividade e os postos de traballo.