NOIA> Os mariscadores de Noia volverán ó traballo o próximo luns. Tralo paro que segue á campaña de Nadal agardan retomar a actividade con bos resultados. Aínda que as expectativas son boas haberá que agardar á próxima semana para constatar o estado das concesións. As mostraxes realizadas nos últimos días trasladan boas impresións á directiva do pósito que agardan retomar a campaña a próxima semana con boas capturas ó constatar a escasa mortaldade do bivalvo. Polo momento, está previsto que traballen durante todo o mes de febreiro e, en función de como evolucionen as capturas, e sobre todo, os prezos a campaña podería estirarse ata finais de marzo. Unha vez finalizada a campaña, os mariscadores colgarán os seus apeiros ata o mes de setembro e outubro cando empeza novamente o forte da actividade marisqueira. Sen embargo, estes meses sen faenar non significan moito menos que non se traballe. O pósito realiza tarefas de mantemento, limpeza e sementeira en tódalas súas concesións para incrementar a produtividade dos bancos de cara a futuras campañas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia