ACERGA demandará en Bruxelas un novo modelo de repartos dos TAC

    PORTO DO SON>A flota do cerco permanecerá amarrada a pesar de ter aceptado o intercambio de cota de xarda por xurelo. Os seiscentos quilos que obterán desta especie servirán para pagar a sobrepesca deste ano no caladoiro evitando así o desconto de cota de cara á vindeira campaña. Así as cousas, representantes de ACERGA planean acudir a Bruxelas para esixir un reparto xusto mentres armadores e mariñeiros permanecen acampados en San Caetano. Acudiron a Madrid coa firme intención de lograr unha revisión no reparto das cotas pero tan só obtiveron o intercambio de seiscentos quilos de cota de xarda por xurelo. Non é suficiente xa que apenas permitiría faenar ás cento vinte embarcacións de ACERGA polo que seguirán amarrados á espera dunha solución integral. O representantes da asociación de armadores do cerco viaxarán ata Bruxelas nas próximas semanas para facer escoitar ante as autoridades europeas. Cos informes de recursos sobre a mesa, volverán demandar que se modifique o reparto de cotas entre comunidades baseado nos índices históricos de capturas en lugar de dividirse por embarcación e número de tripulantes. Mentres realizan as xestións pertinentes para o seu desembarco en Bruxelas, ACERGA mantén a acampada diante dos edificios administrativos de Xunta en San Caetano para chamar a atención da Consellería do Mar. Organizados por quendas, os mariñeiros e armadores seguirán apostados en San Caetano de xeito indefinido.