Noia reivindicará a súa ruta xacobea cunha peregrinación a Compostela

    NOIA> Noia reivindicará o recoñecemento oficial do camiño xacobeo marítimo que ten como porto de arribada a vila. Farao a través dunha serie de iniciativas que teñen por obxectivo implicar á cidadanía no coñecemento desta ruta histórica. A primeira será unha peregrinación ata Compostela o próximo sete de novembro. A importancia de Noia como eixo central do camiño xacobeo marítimo queda sobradamente recoñecida nos numerosos documentos históricos que a catalogan como portus apostoli. Partindo desta premisa, o concello busca implicar a tódalas administracións, entidades e cidadáns posibles para reclamar o recoñecemento oficial desta ruta. No seu labor conta co apoio de Noia Histórica, a asociación párroco de San Martiño e numerosos noieses a título individual que colaboran pola posta en valor deste camiño xacobea. Artur Lago e Suso Xogaina coordinaron a preparación da ruta para que o próximo sete de novembro, todos os que o desexen poidan peregrinar ata Compostela. A saída terá lugar ás sete e media da mañá dende a praza do Tapal. O concello acometeu a limpeza e acondicionamento do camiño que terá un recoñecemento por parte da diócese de Santiago grazas ás xestións realizadas polo párroco de Noia. Os interesados en sumarse a esta marcha, un profundo sentido reivindicativo, poderán inscribirse nas oficinas do concello, en Noia Histórica ou a través da web portus-apostoli.es. Disporán de varios puntos de avituallamento no camiño así como dun servizo de autobus para a volta.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí