O patrón maior de Rianxo denuncia unha presunta sabotaxe na súa batea

    RIANXO> O patrón maior de Rianxo denuncia unha presunta sabotaxe nunha batea da súa propiedade que apareceu coa maior parte das cordas cortadas. Miguel Ángel Iglesias atribúe este suceso a posibles represalias xa que a actual directiva erradicou antigas prácticas ilegais introducindo un modelo de xestión transparente e acorde á normativa. Cando esta mañá o patrón maior de Rianxo acudiu a traballar á batea atopouse con esta desagradable sorpresa. A maioría das cordas foron cortadas e botadas ó fondo arruinando practicamente a campaña de todo o ano. Á espera de comprobar se é posible recuperar parte da produción, Miguel Ángel Iglesias, estima que as perdas non baixarán dos vinte e catro mil euros. Iglesias non ten dúbida de que esta sabotaxe é consecuencia do seu labor á fronte da confraría. Dende a entrada da nova directiva, regulouse o funcionamento das vendas e desbotáronse prácticas irregulares. Algo que semella molestar a aqueles que levaban tempo traballando fóra da lei. O patrón maior xa denunciou os feitos ante a Garda Civil que traballa na investigación para determinar a autoría da sabotaxe. A pesar do desasosego inicial e das importantes perdas económicas, Iglesias insiste en que este tipo de sucesos non arredará ó seu equipo directivo que seguirá a traballar polo interese xeral da confraría. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/30/denuncia_sabotaxe_patron_maior_rianxo_2010151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/30/denuncia_sabotaxe_patron_maior_rianxo_201015.mp4{/flowplayer}