O concello reclama á ex-asistente social os cartos presuntamente defraudados

    BOIRO> O concello de Boiro reclamará á ex responsable de Servizos Sociais o diñeiro defraudado no exercicio do seu cargo. Mentres tanto, a antiga encargada do departamento presentou un recurso de reposición contra o seu despedimento. Aínda que a ex responsable do departamento de Servizos Socias foi apartada do seu cargo en febreiro, o proceso está aínda lonxe de resolverse. En agosto facíase efectivo o seu despedimento tras iniciarse a investigación sobre as presuntas actividades ilícitas desenvolvidas dende o seu cargo, cobrando a usuarios do servizo por xestións municipais para beneficio propio. A interesada vén de presentar un recurso de reposición contra o seu despido para que Maxistratura de Traballo se pronuncie sobre a procedencia do proceso. Algo do que, no concello, non teñen dúbida despois de que se normalizase por completo o funcionamento dos servizos sociais. Así mesmo, o concello reclama á ex empregada municipal que satisfaga o importe defraudado. Polo momento, non hai unha estimación da contía xa que dos máis de setenta afectados que podería haber tan só trinta denunciaron o seu caso. Na actualidade, o funcionamento do departamento de Servizos Sociais xa funciona con total normalidade e os afectados pola presunta estafa xa reciben a atención demandada.