O alcalde de Catoira deféndese de “acusacións falsas e fantasías” no Xulgado

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/04/alcalde_catoira_xulgados.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/04/alcalde_catoira_xulgados.mp4{/flowplayer}

     

    VILAGARCÍA> O alcalde de Catoira defende a súa inocencia. Alberto García prestou declaración durante máis  dunha hora no xulgado de Vilagarcía sobre a denuncia que hai algo máis de dúas semanas presentaba unha exconcelleira socialista. Ana Pérez acúsao de agresión sexual, ademais de acoso sexual e laboral, situación que segundo a denunciante se prolongou dende o 2007 á actualidade. Para o rexedor, as graves e escabrosas acusacións ás que se enfronta son falsas e fantasías.

    Durante máis dunha hora, o alcalde de Catoira defendeu no xulgado de Vilagarcía a súa inocencia. Alberto García nega con rotundidade as graves acusacións vertidas pola exconcelleira socialista e excompañeira de goberno.  Ana Pérez asegura que sufriu acoso sexual e laboral e agresións sexuais por parte do alcalde.

    García, que solicitou a baixa temporal do PSOE pero segue como alcalde independente, asegurou sentirse apoiado polos seus compañeiros de goberno, e desbotou a convocatoria dun pleno extraordinario para dar explicacións, como solicitaran PP e BNG.

    Hoxe tamén coñecimos o contido da denuncia. En dez folios, a ex edil relata abusos verbais e físicos, ameazas e incluso violacións ata en sete ocasións, referíndose a Alberto García como “o agresor”. Asegura que todo comezou en xuño de 2007, con insinuacións dende que toma posesión como concelleira de servizos sociais. A partires de aí, sempre segundo o relato da denunciante, o acoso vai escalando ata chegar as agresións físicas. Conta que ao negarse sufría desprezos e presións no posto de traballo, e acusa ao rexedor de facerlle a vida imposible. Explica que non denunciou antes por medo e por temer pola súa vida.

    Ana Pérez renunciara á súa acta tralas eleccións do 2011, sen chegar a tomar posesión. Agora achaca esta decisión aos supostos episodios de acoso que relata. Na actualidade, segue vinculada laboralmente ao concello de Catoira, como auxiliar administrativa e monitora de ludoteca, aínda que dende o 1 de xuño deste ano está de baixa laboral. Tamén estaría recibindo tratamento psiquiátrico.

    Segundo apuntan os avogados de Ana Pérez, a raíz da súa denuncia outra traballadora municipal declarou que tamén foi vítima de acoso mediante insinuacións, tocamentos e invitacións a comer.