CCOO proporá medidas ós partidos para incorporar nos seus programas electorais

    RIBEIRA> Comisións Obreiras iniciou en Ribeira unha rolda de asembleas comarcais para dar a coñecer as propostas formuladas polos sindicatos ós partidos políticos. A creación de emprego e a aposta por unha democracia real centran os obxectivos da central sindical a incorporar nos programas das diferentes forzas de cara ás eleccións xerais. Na primeira asemblea comarcal cos delegados do Barbanza, CCOO realizou un balance nefasto da lexislatura que está a piques de concluír. Segundo o sindicato, as reformas laborais do PP non fixeron máis que incrementar o paro e reducir a cobertura social dos desempregados. De cara ó novo escenario político que xurdirá das urnas o próximo 20 de decembro, Comisións pide a volta ó diálogo social de xeito que as políticas adoptadas polo goberno conten co consenso da sociedade. Entre as propostas do sindicato destaca unha profunda reforma fiscal que promova os impostos progresivos e un plan de choque contra o desemprego. Insisten tamén na necesidade de garantir o sistema público de pensións e incrementar o salario mínimo interprofesional ata 800 euros para o 2016 cunha suba progresiva que o equipare ó salario medio de 1200 euros ó remate da lexislatura. Tamén demandan unha revisión da constitución e a derogación da lei mordaza para mellorar o actual sistema democrático.