Rianxo propón a exención de taxas para titulares da RISGA

    RIANXO> O executivo rianxeiro levará ó próximo pleno unha proposta de modificación das taxas municipais para que os beneficiarios da RISGA non paguen auga nin saneamento. Con esta medida, que pretenden facer efectiva a partir de xaneiro, o concello pretende paliar os efectos da crise naqueles veciños con maiores necesidades. Consciente da importancia que teñen hoxe en día nos fogares os servizos de auga e saneamento, e tamén das enormes dificultades polas que atravesan moitas familias do municipio por culpa da crise, o executivo rianxeiro prepara para primeiros de ano unha modificación das dúas ordenanzas que regulan estes dous servizos, coa finalidade de que aqueles veciños beneficiarios da RISGA non teñan que aboar por eles. Segundo o alcalde, Adolfo Muíños trátase dunha medida extraordinaria que se fará efectiva mentres perciban esta axuda. A medida virá a sumarse a outras modificacións realizadas xa no último pleno, como foi a conxelación xeral das taxas municipais e diversas bonificacións efectuadas nalgúns impostos.