A escaseza do polbo eleva o seu prezo ata roldar os quince euros

    RIBEIRA> O polbo esta case ausente das prazas de abastos. O pouco que puidemos atopar roldaba os doce euros, prezos que disuaden á maioría dos compradores. As escasas capturas están detrás deste encarecemento. A presente campaña semella dar a razón ó saber dos mariñeiros que din que nos anos bos para a nécora escasea o polbo. Entre as causas máis probables da ausencia do cefalópodo nas augas galegas está a climatoloxía. As elevadas temperaturas da auga favorecen o desove tardío da especie. O pouco polbo que se descarga nas lonxas cotiza á alza roldando os quince euros, prezos moi por riba do que soe ser habitual nesta especie. Así as cousas son poucos os praceiros que se arriscan a levalo ó mercado, agás que sexa baixo encargo. O polbo non é o único afectado polo encarecemento xa que o choco da ría experimentou nas últimas semanas unha importante suba e o quilo rolda tamén os quince euros.