A Xunta rompe co cátering que serviu caldo en mal estado nos comedores escolares

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/11/comedores_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/11/comedores_vilagarcia.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> A Xunta rompe coa empresa de cátering que serviu un caldo en mal estado aos nenos dos colexios de Vilaxoán, Carril e Rubiáns. A Consellería de Educación anunciou esta tarde a decisión de resolver o contrato de comedores polo que considera un incumprimento grave e reiterado das condicións establecidas. A decisión chega despois das queixas que o luns presentaran os pais dos nenos afectados, 460 nos colexios de Vilagarcía.

Tras concluír as investigacións, a Consellería de Educación decidiu atender hoxe as reclamacións dos pais contra o servizo de comedor dos colexios de Vilaxoán Carril e Rubiáns.

O menú que a empresa Cátering Perea Rojas serviu o luns aos 460 nenos destes centros de Vilagarcía foi a gota que colmou o vaso, aínda que non é a primeira incidencia que os pais teñen coa responsable do comedor.

Nestas incidencias a Consellería ve un incumprimento grave e reiterado das condicións establecidas nos contratos. Apuntan, ademais, a que a prioridade é garantir a seguridade alimentaria e sanitaria nos menús escolares. Visión que comparten os pais.

En nota de prensa, a Consellería informou que está a pechar unha alternativa para garantir o servizo de comedor nos vindeiros días, que estará operativa, asegura, dende mañá.

A Xunta tamén decidiu hoxe resolver o contrato coa empresa Col-Servicol polas mesmas causas. Xunto con Cátering Perea Rojas atendían un total de 23 centros das zonas de Cambre, Culleredo, Arousa e Cuntis.