Ribeira suspende o cobro de taxas

RIBEIRA> O executivo  toma xa as primeiras medidas para afrontar a crise provocada polo coronavirus. Así decide interromper o cobro de taxas por servizos municipais e suspender o funcionamento da zona azul mentres dure o estado de alarma.

O executivo ribeirense non tardou tampouco en tomar medidas coas que intentar paliar a crise do coronavirus. Unha das primeiras decisións foi a de interromper o cobro de tributos por taxas municipais, como é o caso da recollida de lixo, o abastecemento de auga ou o saneamento. E aqueles que xa foron pasados a cobro por estar domiciliados pero que non poidan prestarse temporalmente, como é o caso da piscina, serán compensados en vindeiras mensualidades.

Tamén acordou a suspensión de xeito inmediato do funcionamento da zona azul.

No tocante ós servizos sociais, dende o Concello decidiuse que fora este departamento, xunto co Grupo Municipal de Emerxencias, os que centralicen os labores de voluntariado. Asegurando así o dereito básico de alimentación a aquelas familias máis desfavorecidas do Concello.

En canto ó transporte público, o executivo decidiu tamén comunicarlle ás empresas que prestan este servizo no municipio da necesidade de extremar os traballos de desinfección nos vehículos, tanto autobuses coma taxis, en cada viaxe. e o persoal municipal tamén procedeu a desinfección do mobiliario urbano, como é o caso de papeleiras, bancos, marquesinas, non só do casco urbano senón tamén de tódalas parroquias.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí