VILAGARCÍA> O conflito dos sete pérmex na confraría de Carril, vai a máis. O patrón maior e a parella dunha das afectadas víronse implicados nunha liorta ás portas do pósito. Ambos presentaron cadansúa denuncia por agresión.
As augas baixan cada vez máis revoltas na Confraría de Carril. O último episodio deixa dúas denuncias por agresión e unha escalada de tensión que, lonxe de reducirse semella ir a mais. Os implicados na liorta son o patrón maior do pósito e a parella dunhas das sete afectadas ás que a Xunta lles concedeu un pérmex, pero que a confraría ten recorrido. Os feitos producíronse onte lodo dunha reunión coas sete persoas afectadas.
Despois desa pelexa ás portas da Confraría, ambos presentaron cadansúa denuncia por agresión. Os dous tamén acudiron ó Hospital do Salnés. Un deles, marido dunha das mulleres ás que a confraría non recoñece os permisos de explotación, explicou a Canal Rías Baixas fóra de cámara que as súas secuelas son de tal magnitude que tivo que ser trasladado a un centro hospitalario de Pontevedra para ser sometido a unha operación de urxencia por un desprendemento de retina. Esta canle tamén tentou poñerse en contacto co patrón carrilexo en varias ocasións ó longo desta xornada, sen obter resposta.
O conflito carrilexo vivirá o seu seguinte capítulo o vindeiro luns, día no que está programada unha xuntanza do órgano que vai determinar se se acepta ou non a solicitude dos sete titulares destes pérmex para converterse en novos socios do pósito.