A musealización da casa de Dieste máis preto de ser unha realidade

    RIANXO> O alcalde, Adolfo Muíños, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida do proxecto por parte da Deputación da Coruña. O proxecto da Casa-Museo Rafael Dieste no que anda enfrascado o executivo rianxeiro dende hai varios anos está máis preto. Isto é o menos o que parece sacar en limpo o alcalde, Adolfo Muíños, trala entrevista mantida hai uns días coa vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, á que lle presentou esta iniciativa. O concello rianxeiro non pode sacar adiante un proxecto de tal envergadura, polo que necesita a implicación doutras Administracións. O proxecto de musealización e posta en valor da vivenda foi elaborado por un equipo dirixido polo deseñador Pepe Barro, autor tamén do acondicionamento da casa de Manuel Antonio, e que se conta ademais co asesoramento do investigador Xosé Luís Axeitos, un dos mellores especialistas na figura do intelectual nado en Rianxo. Hai uns anos o inmoble, que xa é propiedade do concello, foi xa obxecto dunha rehabilitación exterior, dispoñendo ademais do mobiliario orixinal da familia Dieste.