Noia despedirá o ano cunha carreira solidaria

NOIA> Como xa é tradición, Noia pechará o ano cunha carreira solidaria. A San Silvestre desenvolverase o día 31 ás cinco da tarde na alameda noiesa. Non se trata dunha proba competitiva posto que o seu principal obxectivo é recadar fondos para Cáritas.

Que mellor maneira de rematar o ano que facendo deporte e colaborando con que máis o precisa. Quen así o desexe pode participar na San Silvestre de Noia que se celebrará o próximo martes 31. A participación está aberta a calquera posto que o percorrido consta de tan só 3 quilómetros nos que divertirse facendo deporte e contribuír a unha boa causa.

Ó remate da proba, os participantes que fagan a súa achega en forma de alimentos poderán difrutar dunha chocolatada ás portas do concello.

Dende Cáritas quixeron agradecer ó concello e ó Club de Atletismo de Noia que sigan a organziar este e outros eventos en favor da entidade que neste Nadal atende a 140 familias en situación de vulnerabilidade.