O Boiro-Arousa acapara a atención na xornada da Terceira

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/20/previo_boiro_arousa2011151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/20/previo_boiro_arousa201115.mp4{/flowplayer} BOIRO> O partido, de gran rivalidade, terá lugar este domingo ás catro e media da tarde en Barraña. Lonxe da atracción mediática que acapararán outros encontros esta vindeira fin de semana, coa disputa do clásico Madrid-Barcelona ou o Depor-Celta, Boiro e Arousa terán tamén o seu especial protagonismo. En Barraña daranse cita este domingo dous equipos chamados a facer algo importante esta campaña. Separados apenas por dous puntos na clasificación. O Boiro é quinto con vinte e dous puntos e o Arousa é sétimo con vinte, os dous conxuntos chegan a este partido coa idea de ir afianzándose nos postos altos da táboa, co obxectivo de chegar a final de tempada asentados entre os catro primeiros que darían opcións ó playoff. O equipo local chega a este encontro cunha importante baixa. A de Cano, que non poderá xogar por acumulación de tarxetas. Un dos xogadores máis en forma do plantel e actual pichichi do equipo. Aínda así o preparador boirense, José Luís Lemos dispón dun equipo de garantías con xogadores de renome e de contrastada calidade. O feito de xogar ademais na casa dálle a priori a etiqueta de favorito. En fronte estará o Arousa. Un equipo confeccionado este ano tamén para grandes cousas. O conxunto de Piscis chega coa incógnita de quen ocupará o lateral dereito trala sanción de Marcos. Será un partido especial tamén para moitos xogadores, como é o caso de Cardeñosa ou Pablo Rivas, agora no Arousa, pero que xa defenderon a camisola do Boiro en anteriores temporadas. O encontro arrancará as catro e media da tarde. Agárdase unha boa entrada, xa que serán moitos os afeccionados da zona sur da Ría que se desprazarán ata Boiro para presenciar este encontro de máxima rivalidade. A directiva local declarou o partido coma día do club, polo que os sociais deberán aboar tamén nesta ocasión o prezo da entrada.