{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/07/mesa_violencia_xenero_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/07/mesa_violencia_xenero_pontevedra.mp4{/flowplayer}
PONTEVEDRA> O aumento de sentenzas favorables a maltratadores preocupa á Mesa contra a Violencia de Xénero de Pontevedra. Segundo o órgano, os acordos de conformidade están a deixar ás vítimas desprotexidas. Por iso, esta mañá acordaron solicitar unha xuntanza coa Fiscalía para trasladar esta inquedanza.
Os acordos de conformidade nos casos de malostratos preocupa á Mesa contra a Violencia de Xénero. Que o acusado recoñeza os feitos e acepte a pena solicitada pola Fiscalía está a deixar un elevado resultado de sentenzas favorables para os maltratadores. Por iso, o órgano solicitará unha xuntanza co Ministerio Fiscal.
Ademais deste encontro, a Mesa tamén traballa na creación dun protocolo de actuación nestes casos; un proceder que sexa a suma dos que xa teñen as forzas de seguridade do estado, o concello e a Xunta entre outros.
A prevención segue a ser unha das liñas fundamentais no traballo da Mesa. De feito, o CIM porá en marcha talleres de prevención nas escolas. E é que se ven detectando un incremento nos casos de violencia machista entre as rapazas novas.
A concelleira tamén informou de que trasladarán á Xunta a súa felicitación pola decisión de personarse como acusación no caso do asasinato de Maria Luisa Jiménez, a muller xitana que morreu, supostamente, a mans da súa parella. Dende a Mesa solicitarán ao goberno autonómico que manteña esta postura no resto de casos de violencia de xénero que se rexistren na comunidade.