O PP de Vilanova retira a reprobación de Javier Dios despois dun pleno bronco

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/01/pleno_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/01/pleno_vilanova.mp4{/flowplayer}

 

VILANOVA> Pleno bronco e tenso en Vilanova. A sesión de onte estivo marcada polo conflito das últimas semanas entre concello e Deputación de Pontevedra, na figura do concelleiro e deputado socialista Javier Dios. Foi precisamente no debate sobre a moción para a súa reprobación proposta polos populares onde se acadaron os picos de tensión. Durante as máis de dúas horas do pleno e despois da expulsión da concelleira do PSOE María José Vales e do secretario xeral Jorge María López, pasadas as 10 e media da noite, a corporación de Vilanova decidía pór fin a un pleno conflitivo, pedindo incluso desculpas aos asistentes.

A sesión arrancou con dureza, pero foi a moción sobre a reprobación do concelleiro socialista Javier Dios a que desbordou a prudencia. PP e PSOE intercambiaron insultos, acusacións e ameazas.

Para o alcalde de Vilanova, o concelleiro e deputado socialista é o culpable da eliminación da escola de gaitas e da paralización das obras do auditorio. Durán advertiu que intentaran facer o mesmo cos vestiarios de O Terrón, e cre que correrá a mesma sorte a estrada de Baión.

A tensión da sesión demostrouse coa expulsión de dous socialistas: a concelleira María José Vales e o secretario xeral da formación na vila, Jorge María López, que se atopaba entre o público. 

O berro de Jorge María López debeuse ás acusacións de Gonzalo Durán, que apuntou a que dende o Partido Socialista pediron aos populares que levaran a Javier Dios aos xulgados.

Finalmente e vendo a escalada que levaba do debate, os populares retiraron a moción para reprobar a Dios.

Outra que non rematou o pleno foi a concelleira de Gañemos Vilanova, que abandonou a sesión en sinal de protesta co camiño que tomara o debate. A voceira do BNG tamén deixou constancia do seu descontento.