Caixanova e Deputación patrocinan o Certame Audiovisual do Liceo

liceoconvenio_100_171006.jpgVILAGARCÍA > O Liceo Casino de Vilagarcía contará este ano cunha achega de 6.000 euros para o seu certame audiovisual

… A Deputación de Pontevedra e Caixanova reservan así para o festival arousán unha partida da súa colaboración anual en materia cultural.

Caixanova e a Deputación de Pontevedra patrocinarán con 6.000 euros o 34 Certame Audiovisual Internacional do Liceo Casino de Vilagarcía. Así se plasmou hoxe nun convenio, asinado polo presidente da Deputación Rafael Louzán, o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra, Antonio Gómez Rivera, e o presidente do Liceo, Álvaro Paz. Esta achega permitirá á entidade arousá equilibrar o presuposto dunha edición en apuros económicos, xa que este ano o Liceo non puido renovar o convenio de 30.000 euros coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Segundo lembrou o presidente do Liceo, Álvaro Paz, deste organismo só percibiron 10.000 euros logo de participar nun concurso.

liceoconvenio_200_171006.jpgNesta edición, o certame recibiu 380 produccións, algunhas delas procedentes de Portugal, Italia, Cuba, México, Arxentina e, entre outros, de Estados Unidos. Ademais este ano o Liceo organizou un amplo abano de actividades paralelas, con obradoiros, maxia, mesas redondas e proxección de filmes e documentais, que complementan a exhibición das curtas seleccionadas. Deputación e Caixanova decidiron destinar ó certame unha partida procedente do convenio cultural que asinan anualmente, tendo en conta que este festival de curtas é o máis veterano de Galicia e un dos de máis tradición da península.

Caixanova destaca ademais polo seu apoio ó mundo audiovisual, que se traduce xa nun Óscar á producción cinematográfica por ‘Mar Adentro’ e nun Goya pola colaboración con Dygra Produccións en ‘El sueño de una noche de San Juan’. Por iso renova o seu apoio ó certame arousán, tal como sinalou Antonio Gómez Rivera, Director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra.

Redacción Salnés