O Rei abdica

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/02/ABDICACIONREI.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/02/ABDICACION_REI.mp4 {/flowplayer} SALNÉS> Unha comparecencia anunciada polo presidente do Goberno esta mañá á primeira hora poñía a todos en alerta. O anuncio daba un viro á actualidade do día e ó futuro inmediato da monarquía española. O Rei Juan Carlos primeiro explicaba a continuación os motivos da súa decisión: abdicar no sucesor á coroa tras 39 anos de reinado. Con ton sereo e nun discurso de apenas cinco minutos o Rei explicaba os motivos que o levaron a tomar esta decisión. Unha decisión que xa estaba perfilada en xaneiro, ‘moi meditada’, pero que non comunicou ata o de agora para non interferir nos comicios europeos que se veñen de celebrar. Faino por amor a España, para que esa nova xeración encarnada polo príncipe Felipe asuma o reto de afrontar as fondas reformas que precisa o estado nestes intres, do mesmo xeito que o fixera el cando accedeu á coroa. Con este anuncio iníciase o proceso sucesorio que, segundo indicaba o presidente do Goberno Mariano Rajoy, se fará ‘nun contexto de estabilidade institucional’. Mañá mesmo reunirase o consello de Ministros en sesión extraordinaria para tramitar a renuncia de Don Juan Carlos e poñer en marcha o mecanismo previsto na constitución: elaborar o proxecto de lei orgánica que deberán aprobar as Cortes Xerais para regular o proceso sucesorio, n proceso que culminará co nomeamento do príncipe Felipe como Felipe VI. A nova colleu por sorpresa á poboación, aínda que moitos coinciden en que era momento de dar o relevo. O certo deterioro que sufriu a figura do Rei e a monarquía nos últimos anos por escándalos como a cacería en Botsuana na que caeu, a acusación a Urdangarín de corrupción ou as trece operacións cirúrxicas ás que foi sometido, son, para os cidadáns os motivos que precipitaron a caída. O Rei no Salnés A vinculación do Rei ó Salnés foi moi destacada e se hai un concello que destaca polas súas visitas é quizais Sanxenxo. De feito o porto deportivo desta localidade leva o seu nome e alí estivo o 4 de novembro de 2005 para inauguralo e dar saída á volta ó mundo 2005-2006. Naquel momento, o entón alcalde Telmo Martín facíalle entrega dunha maqueta do Atlante, a escultura de Paco Leiro que se levanta na praza do porto deportivo. Ó ano seguinte asistía en Barbanza ós actos de conmemoración do centenario de Ribeira como cidade. Unha das últimas veces que o vimos por estas terras foi no 2009, xunto á raíña, e tamén no porto de Sanxenxo, entregando ós deportistas Fernando Echávarri e Antón Paz as reais ordes do mérito deportivo con distintivo de ouro polas medallas de ouro logradas nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008.