O berberecho volverá ser o rei das tapas en Noia

    NOIA> Noia volverá ir de tapas entre o once o trece de novembro. Unha quincena de establecementos hostaleiros ofrecerán pinchos elaborados con berberecho por tan só un euro e medio. Os clientes, que deberán votar as tres mellores tapas, optarán tamén a numerosos agasallos. A cuarta edición do Vai de Tapas Noia que se celebrará na vila o once, doce e trece deste mes, promete moitas novidades. Entre elas, a posibilidade de descargar unha aplicación gratuíta para móbiles coa que estar informados das distintas tapas e establecementos participantes. Pero sen dúbida, o máis destacado desta cita será como tódolos anos a gastronomía. Os quince establecementos participantes elaborarán un ou dous pinchos diferentes co berberecho como materia prima principal. En total, repartiranse seiscentos quilos de bivalvo. O sistema para participar será o mesmo que en anos anteriores. Os clientes disporán dun pasaporte selado nos diferentes establecementos co que entrarán no sorteo de numerosos agasallos. A través deste documento poderán votar a que consideran mellor tapa. Precisamente a gañadora do pasado ano, Marian Romero, de Casa Boto será a encargada de abrir as xornadas cun showcooking que terá lugar a noite do venres no claustro do concello. Ademais da colaboración da Dirección Xeral de Comercio, concello e confraría de Noia, esta iniciativa conta co apoio de Gadisa e Estrela Galicia. Dende Noia Histórica agardan contar co mesmo éxito das anteriores edicións e animan ós hostaleiros que aínda non o fixeron a sumarse á campaña.