Presentada a cuarta edición da ‘Tenda de Nadal’ na Pobra

    POBRA> A actividade, organizada por APECO, desenvolverase esta vindeira fin de semana, do dezaoito ó vinte de decembro, nunha carpa instalada na praza do Emigrante. Esta mañá presentábase a cuarta edición da Tenda de Nadal. Unha actividade promovida pola Asociación do Pequeno Comercio da Pobra do Caramiñal que ten coma principal finalidade dinamizar as vendas a nivel local nesta época do ano, tan importante para o sector. A iniciativa terá lugar esta próxima fin de semana, do 18 ó 20 de decembro, nunha carpa que estará instalada na praza do Emigrante. A presente edición, na que tomarán parte ó redor de vinte comercios, contará cun amplo programa de actividades, dirixidas especialmente ós máis pequenos da casa, pero sen esquecer tampouco ós mozos, incluíndo para a xornada do sábado un encontro sobre novas tendencias. Para a realización desta actividade, APECO conta tamén coa colaboración do concello. Dende o executivo fan un chamamento ós veciños a participar nesta Tenda de Nadal, xa que se contribuirá a fomentar un sector de vital importancia para o municipio. A apertura da carpa terá lugar este venres ás cinco da tarde, aínda que a inauguración oficial está prevista para as oito.