Acusación e Fiscalía reforzan a súa teoría cos testemuños dun amigo e de tres mulleres sobre O Chicle

SANTIAGO> As seguintes declaracións deron un paso máis nesta caracterización do Chicle, achegándoo á teoría de fiscalía e acusación particular do que sucedeu a noite do 22 de agosto de 2016 con Diana Quer. Os testemuños dun amigo e de tres mulleres que aseguran que foron abordadas na rúa por José Enrique Abuín, axudaron a presentalo como un depredador sexual.

Ao Chicle gustáballe abordar mulleres en discotecas, frecuentaba clubs de alterne e ía aos institutos para ver ás rapazas. Así o asegurou Manuel, un amigo que o acompañaba nestas fazañas. A súa preferencia: mozas delgadas, altas, morenas e de pelo longo.

Manuel recoñeceu que visitou con José Enrique Abuín a nave de Asados. Incluso chegaron a destapar o pozo no que posteriormente O Chicle agocharía o corpo de Diana Quer durante case 500 días para ver a auga do interior. Onte, Abuín Gey asegurara que non sabía que no pozo había auga cando foi deixar o cadáver da moza.

Para avanzar no perfil de José Enrique Abuín, tamén declararon dúas irmás de Boiro que aseguran que se atoparon con el en Boiro o 23 de decembro de 2017. O encontro produciuse dous días antes de que O Chicle intentara raptar a outra rapaza na mesma vila, feito polo que foi condenado este ano.

A mañá pechou cunha declaración especialmente dura. A dunha muller que asegura que na primavera do 2017 foi abordada polo Chicle en Taboadela, en Ourense.

A muller non denunciou os feitos ata que viu a José Enrique Abuín nos medios de comunicación trala súa detención como responsable da morte de Diana Quer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí