Unanimidade na aprobación do POS que prioriza os servizos básicos

    RIBEIRA> O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade as obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación. O oitenta e cinco por cento dos fondos incluídos nesta convocatoria destinarase á renovación de redes mentres que o quince restante á pavimentación de camiños. Na sesión plenaria aprobouse tamén un plan complementario para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Frións. Dos catrocentos cincuenta e dous mil euros que corresponden a Ribeira no Plan de Obras e Servizos da Deputación, a maior parte destinarase á renovación de redes. A corporación acordou, por unanimidade, a aprobación de catro proxectos: a pavimentación e instalación da rede de pluviais na rúa Miñoteiro en Palmeira, a instalación da rede de saneamento en Bretal, a renovación de servizos na rúa da Pinisqueira en Aguiño e a pavimentación de camiños en Deán Grande. Outra das actuacións executadas, esta vez con cargo ó Plan Complementario do Plan de Aforro e Investimento do presente ano, é a mellora da seguridade viaria en Frións, onde se sitúan varios centros educativos. O terceiro punto da orde do día, relativa á contratación dos monitores do complexo da Fieteira, quedou sobre a mesa ó non estar finalizado o expediente de licitación. Por último, o pleno dou conta da renuncia da concelleira do PP, Aroa Fernández, que renunciou á súa acta por motivos persoais. O alcalde tivo palabras de agradecemento para a súa compañeira de filas que, ata o momento, xestionaba as concelleiras de deportes e xuventude.