O goberno pobrense aproba ‘in extremis’ o POS tralo plante da oposición

    POBRA> O goberno da Pobra sacou adiante a súa proposta para os plans de axudas da Deputación tras un polémico pleno no que tódolos membros da oposición abandonaron a sesión. O alcalde viuse na obriga de Así, con gritos, insultos e descalificacións remataba o pleno extraordinario convocado esta mañá na Pobra para aprobar os plans de obras e servizos e de acción social da Deputación. Tódolos membros da oposición, primeiro o PP, despois o BNG e por último a edil socialista, abandonaron o pleno en sinal de protesta polo xeito de proceder do goberno. Acúsano de ningunear ó resto da corporación, sen ter en conta as súas propostas para consensuar os proxectos a incluír nos plans provinciais. Así as cousas, con tan só a presenza dos catro edís do grupo do goberno, facíase imposible a aprobación dos proxectos por falla de quorum. Ante a posibilidade de perder o máis de medio millón de euros destinados Á Pobra, posto que o prazo dado pola Deputación conclúe mañá, o alcalde apelou á responsabilididade do resto dos grupos. Tras chamar ós voceiros municipais viuse obrigado a convocar unha nova sesión de urxencia na que os portavoces, visiblemente molestos, facilitaron a aprobación, tanto dos plans como da conta xeral municipal, coa súa abstención. A proposta da alcaldía, finalmente aprobada, destina parte do POS a gasto corrente mentres que o investimento en obras repercutirá na pavimentación da Figueira, A Garita e a rúa Bernardo Castelo. O Plan de Acción social contempla a dotación de maior accesibilidade a varias praias e instalacións deportivas, a rehabilitación da cuberta do centro de saúde e a mellora do acceso ó colexio Salustiano Rey Eiras O acontecido no pleno desta mañá marca un punto de inflexión nas relacións internas da corporación pobrense, bastante desgastadas dende a chegada de Nós Pobra á alcaldía. Malia que gobernan en minoría, a oposición acúsaos de non buscar consensos previos tendo en conta as propostas do resto dos grupos, co que se evitarían episodios tan desagradables. Pola contra, o alcalde insiste en que se mantiveron xuntanzas previas e se incluíron algunhas das propostas achegadas por outros grupos.