POBRA> Un ano máis a concellería de Cultura da Pobra e o Museo Valle-Inclán organizan o Ciclo Victoriano García Martí, que chega este ano a súa sexta edición.
As actividades programadas co gallo de dar visibilidade á figura do escritor, fillo predilecto da Pobra, desenvolveranse a fin de semana do 25 e 26 deste mes de abril.
O primeiro día cunha charla-coloquio a cargo de Antonio González Millán que falará sobre a viaxe de García Martí e Valle-Inclán á Costa da Morte no ano 1925 e a presentación posteriormente dunha nova publicación, ‘Fiestra del madrigal’, un resumo do discurso pronunciado polo escritor no teatro liceo de Ourense en maio de 1913.
Os actos terán continuidade o sábado 26 pola mañá cun pasarrúas a cargo de ‘Os Caraveiros’ e a tradicional ofrenda cívica ante o busto do autor na praza que leva o seu nome.
Ese día procederase tamén no Concello á inauguración da mostra fotográfica do concurso ‘A vila que inspirou a novela Don Severo Carballo. Del alma Gallega’.











