Os pais do colexio de Cabo esixen o cambio das fiestras para acabar coas humidades

    BOIRO> Os pais do colexio de Cabo de Cruz denuncian o deterioro das fiestras do centro escolar. Ademais do frío e da humidade que sofren a diario os cativos, o mal estado das ventás supón un altísimo gasto en calefacción derivado do mal illamento. Piden á Consellería de Educación que substitúa as fiestras, cumprindo co compromiso adquirido hai tres anos. Dende que a anterior directiva da APA iniciara as xestións, tan só se procedeu á substitución de trinta e catro das cento cincuenta e sete fiestras do centro. Isto implica numerosos problemas para os escolares que conviven diariamente co frío e a humidade derivado do insuficiente illamento do inmoble. Para poñer fin a esta situación e permitir que os pequenos acudan a clase cunhas mínimas condicións de seguridade e benestar, os pais solicitan á Consellería de Educación que cumpra co compromiso de renovar tódalas fiestras adquirido xa hai tres ano. Ademais de solicitar unha reunión coa xefatura territorial de Educación, os pais mantiveron diversos contactos con responsables do concello para informarse sobre as subvencións concedidas pola Consellería para realizar melloras no centro. Demandan ademais outras actuacións que poderían ser asumidas pola administración local. Entre elas, a instalación dun parque infantil Denuncian tamén a discriminación que sofre a parroquia do Castro ó carecer dos equipamentos necesarios no centro social para a realización de actividades. Ante a falla de butacas, os pais víronse obrigados a trasladar cadeiras dende o colexio para asistir ó festival de Nadal.